FESTAS

O Concello achega á cidade a celebración do traxe galego nas Festas do Apóstolo 2012

18/07/2012 O consistorio achega aos composteláns unha programación especial que saca á rúa a vestimenta tradicional de Galicia ao longo dunha xornada festiva que cumple a súa XXXIV edición e que terá lugar o vindeiro domingo 22 de xullo.

O concelleiro de Festas, Francisco Noya, foi o encargado de presentar esta xornada nunha rolda de prensa na que tamén estivo presente a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Rita Miramontes. A XXXIV edición da xornada de exaltación do traxe galego, que conta co patrocinio de El Corte Inglés, acollerá en diferentes puntos de Compostela unha celebración dos modos de vestir tradicionais galegos.

A programación prevista inclúe a concentración de persoas ataviadas con traxes tradicionais ás 11.30 horas da mañá na Alameda; o desfile polas rúas da zona monumental ata a praza do Obradoiro dende ás 12.15 hrs; a misa solemne e ofrenda anual ao Apóstolo ás 13.00 hrs; e a recepción de honra no Pazo de Raxoi ás 14:00 horas.

Asemade, ao longo da tarde celebrarase o certame de traxes, que prevé unha concentración dos participantes ás 16:00 horas en San Domingos de Bonaval e a exhibición, concurso de traxes e entrega de premios na Praza da Quintana ás 20:00 horas. Previamente, celebrarase o desfile dos traxes tradicionais ata a devandita praza dende o recinto de Bonaval.

Os premios divídense en 5 categorías distintas –traxe antigo completo, traxe de cotío, traxe moderno, premio especial a grupos de máis de 10 persoas, e premio especial á mellor peza ou conxunto de pezas antigas que non compoñan un traxe completo--. Todos os interesados en participar no certame deberan inscribirse antes das 14.00 horas do venres 20 de xullo, entregando a súa solicitude no Departamento de Festexos do Concello de Santiago (Teatro Principal, Rúa Nova 21), ou ben enviando a folla de inscrición máis unha fotografía ao enderezo electrónico tprincipal@santiagodecompostela.gal.

A presidenta da Asociación do Traxe Galego, Rita Miramontes, trasladou o seu agradecemento ao Concello e aos patrocinadores por apoiar decisivamente unha xornada "coñecida internacionalmente", e invitou a tódolos cidadáns a "amosar e sacar á rúa os traxes tradionais, tanto os de cotío como os de gala".

Xornadas do Folclore Galego
Ao tempo, as Festas do Apóstolo traerán a Compostela as Xornadas do Folclore Galego, que se celebrarán o 28 e 29 de xullo dende ás 21:30 horas na Praza da Quintana, e onde asociacións culturais como Cantigas e Agarimos, Brincadeira ou Ultreia achegarán unha mostra dos xeitos de celebración tradicional galegos a todo aquel que se achegue ata a zona monumental compostelá.

Compartir: