DEPORTES

Compostela acolle o I Torneo Tuxeleires de Rugby Inclusivo o vindeiro sábado 4 de maio

30/04/2024 A Escola de Tempo Libre Don Bosco en colaboración co Barbanza Rugby Club e co apoio do Concello de Santiago organizan o vindeiro 4 de maio o I Torneo Tuxeleires de Rugby Inclusivo no estadio Verónica Boquete.

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, acompañada de Xabier Vidal Unzurrunzaga, técnico do proxecto Tuxeleires, e Ángeles Barral Ponte, presidenta do Club, presentaron esta mañá en rolda de prensa o I Torneo Tuxeleires de Rugby Inclusivo que converterá a Santiago no "epicentro do deporte, acollendo ao Kubota de Valladolid, ao Club de Rugby Ávila, ao CRAT Sharks da Coruña, o All Rugby de Llanera e Incluindus de Madrid" na que será a actividade de rugby inclusivo máis grande de Galicia e o terceiro evento máis grande de todo o estado.

A concelleira salientou que "é unha ledicia poder colaborar na organización deste evento, que esperamos repita con moitas máis edicións, que nos serve tamén para erguer orgullosas a bandeira da inclusión no ámbito deportivo, un compromiso firme para Santiago e un valor fundamental do deporte".

Na xornada participarán un total de 150 mulleres e homes con e sen discapacidade maiores de idade de todo o estado que xogan ao rugby inclusivo. Unha modalidade de rugby que naceu apenas hai unha década e que non para de crecer. Mostra diso é a creación incesante de clubs que fan súa esta disciplina. Na actualidade hai no estado aproximadamente 25 equipos destas características.

O torneo acollerá a participación de 7 equipos provenientes de 6 clubs de todo o estado nunha data histórica para o rugby galego. Enfrontaranse os equipos de rugby inclusivo de Kubota O Salvador (Valladolid), Club de Rugby Ávila (Ávila), Crat Sharks (A Coruña), Tuxeleires (Santiago de Compostela), Rugby All Llanera (Llanera) e Incluindus (Madrid).

A localización do torneo será o histórico estadio de Verónica Boquete no barrio de San Lázaro e o horario da competición será desde as 10:30 ata as 15:00, proseguindo co mítico terceiro tempo que se celebra no rugby.

Rugby inclusivo en Galicia

Ata o momento en Galicia convivían CRAT SHARKS e TUXELEIRES, mostra do seu bo traballo e resultado é a nova creación de dous equipos desta modalidade en Vigo e Ourense a quen todo apunta que lles seguirán de preto outros equipos en territorio galego.

O equipo Tuxeleires naceu no ano 2022 e actualmente militan multitude de deportistas con todo tipo de capacidades nas súas filas. O seu incesante traballo pola inclusión social de persoas con discapacidade e valores, xeraron un gran impacto na comunidade destacando o recoñecemento como mellor actividade deportiva inclusiva da cidade polo Concello de Santiago de Compostela. Ademais de participar no rugby, realizan xornadas de divulgación en axentes clave do territorio, participan en actividades dentro da comunidade e colaboran na creación de máis equipos de rugby inclusivo en Galicia.

Compartir: